Ola! Utilizamos cookies propias e de terceiros para analizar o uso desta web e mellorar a túa experiencia de navegación. Ao continuar navegando entendemos que aceptas a nosa política de cookies.

   Saber máis - Aceptar.

Curso “Deseño de Programacións de Artes Escénicas en Galicia”

 

 

►Esta oferta formativa, con certificado de aproveitamento, combinará sesións presenciais e sesións online ata o 21 de maio coa participación de vinte e tres docentes

►Dirixido a profesionais da programación, compañías, artistas e estudantes, o curso xorde co obxectivo de cubrir un baleiro formativo e mellorar a oferta de Artes Escénicas en Galicia. 

Todos os martes, desde o 9 de abril ata o 21 de maio, aquelas persoas que traballan no sector das Artes Escénicas, especialmente en responsabilidades de programación, teñen a oportunidade de formarse no curso promovido pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais en colaboración coa Asociación Galega  de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC). A oferta do curso “Deseño de Programacións de Artes Escénicas” distribuirase en sete sesións nas que vinte e tres docentes de referencia neste ámbito en Galicia desenvolverán unha ampla proposta de contidos. Mellorar os coñecementos profesionais, dotar o colectivo de programadoras/es de recursos para o deseño de programacións de Artes Escénicas, incentivar novos modelos que dean cabida á riqueza e diversidade actual de propostas, propiciar unha relación enriquecedora entre todos os axentes deste ámbito e fomentar a conexión entre Artes Escénicas e públicos, son os obxectivos do curso. A inscrición é gratuíta a través da páxina xestoresculturais.gal ata o 1 de abril.

“Constatamos en xornadas, reunións e congresos sectoriais, a carencia por parte dos profesionais da programación de coñecementos e recursos que lles permitan asumir con solvencia o desenvolvemento de programacións de espectáculos en Galicia. Os coñecementos e habilidades que adquiren neste eido débense a práctica laboral. O propio colectivo de programadores e programadoras manifesta esta carencia, e a necesidade de dotarse dunha formación para deseñar programacións de calidade e mellorar a oferta de Artes Escénicas para  os seus públicos”, explica Carlos Lorenzo, presidente da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC), encargada da coordinación técnica do curso, e director do curso. Lorenzo e Jacobo Sutil, director da Agadic, participarán na apertura oficial do curso o vindeiro 9 de abril no Auditorio Xosé Neira Vilas da Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela.

O curso “Deseño de Programacións de Artes Escénicas en Galicia” combina sesións presenciais, na Cidade da Cultura de Galicia, con sesións online cunha duración total de corenta e dúas horas. Os contidos abranguen un amplo abano de temas e recursos útiles paras as persoas matriculadas: desde estratexias de programación, modelos de produción e financiamento, aspectos normativos ou achegamento aos materiais técnicos nos espectáculos, ata a  historia das Artes Escénicas en Galicia, o  seu impacto sociocultural, o papel dos premios e da crítica, ou as particularidades do teatro infantil. Unha oferta formativa que percorre teatro, danza e artes do movemento, e circo, e que está dirixida a programadoras/es de Artes Escénicas en concellos, festivais, salas, etc, pero tamén, como subliñan desde a organización, a compañías e artistas, distribuidoras, profesionais da Xestión Cultural e estudantes da Escola de Arte Dramática de Galicia (ESAD) ou do Grao en Xestión Cultural, do campus lugués da USC.

Os vinte e tres docentes do curso son profesionais de referencia nos distintos ámbitos do sector: artístico, xestión e programación, autoría e dirección, investigación e ensino, produción técnica e management, etc. Marta Alonso, Afonso Becerra, Carmen Castro, Santiago Cortegoso, Nacho Fungueiriño, Manuel Guede, Gonçalo Guerreiro, Patricia Hermida, Inma López Silva, Carlos Lorenzo, Kirenia Martínez, Diego Meizoso, Fefa Noia, Fran Núñez, Belén Pichel, Pilar Portela, Paula Quintas, Fran Rei, Paulo Rodríguez, Miguel Soto, María Torres, Artur Trillo e Manuel Vieites serán as persoas encargadas de conducir as sete xornadas do curso.

A inscrición do curso “Deseño de Programacións de Artes Escénicas en Galicia” pode facerse a través desta ligazón desde o 18 de marzo ata o 1 de abril.

As prazas son limitadas, con preferencia para profesionais que se dedican á programación de espectáculos. A asistencia mínima obrigatoria para a obtención da certificación é do 85% (35 horas). 

O programa e información completa do curso pódese consultar e descargar aquí